O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e o director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, presentaron esta mañá en San Caetano o Congreso Galego de Voluntariado, que se vai desenvolver o vindeiro día 9 de maio no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela. Quintana explicou que se tratará dun congreso para falar en serio do voluntariado, para escoitar e para aprender, sinalando que xa se remataron os congresos faraónicos para maior gloria do goberno. O vicepresidente manifestou que agora é tempo de traballar conxuntamente para acadar unhas políticas de voluntariado e de solidariedade acordes cos tempos actuais.
Anxo Quintana indicou que a Vicepresidencia sigue buscando socios para a revolución tranquila do benestar, polo que convidou a todas as asociacións de voluntariado de Galicia a participar neste proceso. Declarou que este Congreso Galego de Voluntariado pretende ser o primeiro paso para comezar unha nova liña de traballo no ámbito do voluntariado e da solidariedade. O congreso está configurado cunha auténtica axenda de traballo que vai servir para analizar a situación actual do voluntariado en Galicia, facer unha valoración real e iniciar o deseño do novo plan de voluntariado de Galicia 2006-2010.
O vicepresidente declarou que nós dende o Goberno buscamos socios, non substitutos. Quintana aclarou que o Executivo de agora non fai como o de antes, que abdicaba as súas responsabilidades como goberno e escapaba dos problemas, transferíndollos ao voluntariado. Afirmou que xa é hora de que a Administración traballe como ten que facelo, non deixando en mans dos voluntarios labores que en realidade deben realizar as administracións.
Grupos de traballo
O Congreso Galego de Voluntariado terá lugar durante toda a xornada do vindeiro día 9 de maio en Santiago de Compostela. A inauguración será ás 10,30 da mañá e a clausura ás 18h. da tarde. Configúrase en tres grupos de traballo que van abordar os aspectos centrais do voluntariado, así como a concreción das áreas temáticas de maior interese. Un destes grupos traballará sobre a coordinación e o traballo en rede, outro sobre a formación e o terceiro no relativo á metodoloxía da acción voluntaria e de calidade.
O obxectivo principal é reflexionar, especialmente, sobre os principais retos da solidariedade no ámbito da construción dunha verdadeira sociedade do benestar, con particular atención ás cuestións relativas á discapacidade, á terceira idade e á dependencia. Vaise debater sobre a achega do voluntariado ao mundo da educación, sobre o papel dos voluntarios na humanización da saúde, sobre as súas relacións co mundo da empresa e da Universidade, así como a importancia dos voluntarios no contorno e no medio rural.
Dende a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade convidouse a 645 entidades rexistradas como entidades de acción voluntaria. Polo momento e ata día de hoxe, máis de 200 entidades xa teñen confirmada a súa presenza no Congreso Galego de Voluntariado.
























