A Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento ten organizado este seminario os vindeiros días 19, 20 e 21 no Balneario de Laias, en Ourense.
Con este evento, a Coordinadora proponlle unha xuntanza aos representantes políticos, económicos e sociais para avaliar as posibilidades de colaboración e as responsabilidades fronte a situación mundial de empobrecemento progresivo.
Os axentes sociais, políticos e empresariais abordarán e profundizarán nas liñas de acción que viabilicen unha cooperación eficaz cos países do Sur.
Entre outros, estarán presentes na convocatoria Manuel de la Iglesia-Caruncho, director do gabinete da Secretaría de Estado de Cooperación Internacional, do Ministerio de Asuntos Exteriores, que falará dos retos estatais de cara á colaboración e o desenvolvemento económico. Isabel Couceiro, representante de Caixa Galicia, achegaranos á obra social da entidade bancaria que, se ben abarca a integración, a cohesión e o compromiso social e ambiental na sociedade galega, a nivel internacional concrétase no apoio a proxectos que favorecen a mellora das condicións de vida nos países en vías de desenvolvemento, así como na intervención en zonas afectadas por catástrofes humanitarias.
Ademais, no ámbito empresarial contarase con José Manuel Maceira, asesor da Confederación de Empresarios de Galicia.
























